27-8-2010

poemas de marta dacosta

Nesta pel de ameixa que me cobre
medrei desde o xardín da miña infancia.
Cando a casa pechou mudei o vento.
Aínda teño a carne madura das ameixas
e son auga e xarope en acedume.
. . . . . .

Somos de luz, de vento, de miseria,
breves camiños na distancia dos días,
pedras de sal esquecidas nas rúas
silenciadas e lentas.
As horas non son. Non abondan os pasos
e os soños sumados tan só ven unha noite,
levamos nas mans as flores do pasado
que non duran o instante que as percorre.
Somos de luz, de vento, de miseria
breves camiños de sal nas rúas ermas.
. . . . . . .

Son deste tempo,
do Sur.
Dunha terra callada en solpores arroibados.
Dunha terra perdida na incertidume da alfándega.
Son deste tempo,
do sur.
De onde as verbas son distintas e suaves.
De onde o meu sangue é o río ou alfándega
de xentes que se acharon no cruzarse dos camiños.
. . . . . . .

O sur non é apenas unha palabra oposta,
a esencia do contrario, cálida, quente, ignota.
O sur e o noso ser traspasado de voces,
de tons doces, distintos e ao tempo semellantes.
Quizais sexa unha alfándega, triste, que nos arreda,
difícil de esquecer aínda que sempre ignorada.
O sur somos nós mesmos, os avós, o pasado,
a razón inexplicable de non ver cara ao norde.
marta da costa
poemas do libro pel de ameixa
outros poemarios de marta son setembro
e creando o mar en compostela