02-9-2015

cimeterio pombal castrelos

 


a coidada edición que teño

de cimenterio privado de celso emilio

é da colección pombal de edicións

castrelos do ano setenteoito

que fóra publicado no setentetres

 

da colección tamén hai na casa

follas novas de rosalía de castro

nunha edición especial para

a caixa de aforros de vigo

de cando as caixas facían

máis cultura e roubaban menos

 

e da vella editorial merquei

a fronteira infinda do mesmo celso

e as cruces de pedra na bretaña

de daniel castelao

 

colección pombal edicións

castrelos se cadra foi o pombal

e pazo de castrelos os que inspiraron

os nomes a xosé maría álvarez blázquez

museo do que formou parte do padroado

e mesmo el desde o barrio das travesas

respiraba o aire que limpaban

as árbores do parque

 

manolo pipas