23-3-2014

entre as árbores da bouza




a eira da xoana e as súas árbores

convídanme a unha festa polo renacer da terra
e que podo facer eu coas miñas palabras
eu que me apelido piñeiro e son neto dun freixeiro
e nacin e vivo en coia no camiño de figueirido

as árbores ai ás arbores camiño agora entre elas
polo parque da bouza vella co meu caderno de papel
e escribo debaixo de carballos e piñeiros escoitando
merlos e pegas e outros paxaros de aquí
e as cotorras que chegaron de fóra
logo dos arcolitos nos que agora aniñan

unha velliña toda vestida de negro camiña
axudada polo seu bastón de castiñeiro
á beira da bouza a poucos metros
dos altos edificios e dos seus xardíns
de azaleas rosais pexegueiros e aguacates

nos xardíns da bouza nova hai unhas fontes
bancos e columpios para cativos e maiores
entre as palmeiras as araucarias e os chorons
e os nosos sagrados teixos á beira da rúa
pregúntanse porque están tan separados
das casas e os campos orixinarios de maceiras
pereiras níspereiros e nogueiras


na bouza húmida xa criaron as anátidas
e catro andan a pasear baixo os carballos
e debaixo de amieiros e salgueiros
unha parrula vai cos seus dez parruliños
e as cativas botanlles migas de pan
e a suas avoas apoianse na baranda
de madeira de piñeiros de quen sabe
que lonxano ou próximo bosque
se cadra perto da xoana


manolo pipas
imaxe e texto de hai dez días