15-5-2011

noites en branco de pereiro


Noites en branco como sabas húmidas

nas circunvolucións do meu cerebro
tendidas sempre ao vento do perigo
da erupción e da combustión eterna
doutra pel desexada que ardería
no lume que a sua visión provocara

En min aniñan sempre ano tras ano
as aves migratorias
que buscan climas cálidos 
nun exilio forzado polo inverno
vencidos desarmados e cautivos
os seus feridos corazóns perplexos
que a dor vai tinguindo nun odio frío

Unha estación no inverno, outra no ceo
temporalmente amable e despexado,
e ó final sempre a triste pulcritude
doutro ensaio xeral do soño eterno

lois pereiro

poeta ao que se adica este ano
o dia das letras galegas
texto de poesía última de amor
e enfermidade 1992-1995